EXPOSICIÓNS NA BIBLIO: AS LAVANDEIRAS
Como en anos precedentes, tamén durante o presente curso académico na nosa biblioteca expoñeremos diferentes actividades que son ou foron relevantes para a nosa comunidade educativa.
Un dos traballos de investigación mellor valorados durante o curso pasado foi o que desenvolveu o noso alumnado de PDC sobre o tradicional oficio das lavandeiras e o seu papel na economía familiar. Coordinados por Natalia Ogorodnikova, a súa profesora do Ámbito Lingüístico e membro do noso equipo de Biblioteca, os alumnos e alumnas encargáronse de buscar información sobre este oficio tan duro para descubrir cal era o proceso de lavado (recollida de roupa, transporte, proceso de lavado e devolución aos donos), as condicións de traballo das mulleres (porque eran maioritariamente mulleres) e os problemas de saúde que padecían (falta de seguridade laboral, gran esforzo físico, lesión nas mans e nas costas, doenzas pulmonares...) ou a sororidade (nos lavadoiros, as traballadoras compartían confidencias e trataban de axudarse e apoiarse).
Como culminación do seu labor investigador, o noso alumnado, guiado por membros da Agrupación das lavandeires de Sillobre, desenvolveu o roteiro das lavandeiras de Sillobre.
Unha mostra do seu traballo e esforzo pode ser contemplado na nosa Biblioteca.




Comentarios
Publicar un comentario