VISITA DE PAULA CARBALLEIRA: TRECE AVISOS. CONTOS PARA LER POLA NOITE


O noso instituto participou no presente curso académico no programa "Encuentros literarios", financiado polo Ministerio de Cultura e dirixido a poñer ao alumnado en contacto cun autor/a para dialogar sobre a súa obra e coñecer o seu proceso de creación literaria. Nesta ocasión a autora invitada foi Paula Carballeira, que se achegou ao IES Saturnino Montojo para analizar o seu libro de relatos Trece avisos. Contos para ler pola noite. 

A visita de Paula era agardada con moita impaciencia polo noso alumnado de 1º ESO. A autora, coñecida pola súa capacidade para conectar cos lectores máis novos, chegou ao noso instituto chea de enerxía e transformou unha xornada literaria nunha experiencia moi agradable para todos os participantes.

Tras unha divertida presentación da autora e da súa obra por parte de dous dos nosos alumnos, deu comezo a actividade.


Durante a primeira parte da sesión, Paula Carballeira reflexionou sobre o seu proceso creativo e as características definitorias das historias de terror. Coa súa orientación, o noso alumnado descubriu a importancia de explorar os medos universais e as vantaxes que ofrece a incorporaciòn de elementos macabros a situacións cotiás. Do mesmo xeito, os nosos lectores máis novos puideron reflexionar sobre a importancia de crear unha atmosfera angustiosa, manter o suspense ao longo da historia e conseguir un final contundente. As súas explicacións deron lugar a un debate breve e animado. 


A escritora recibiu moitas preguntas sobre o seu traballo: por que decidira escribir historias de terror, cales foron as súas fontes de inspiraciòn, os nomes dos seus autores de terror favoritos, os títulos das súas historias preferidas... O alumnado tamén compartiu con Paula as actividades que realizou na aula despois de ler o seu libro: diarios de lectura, dramatizacións de historias e escritura de microrrelatos.

A contiuación, a autora pediulles aos nosos alumnos que escollesen as súas historias favoritas de Trece avisos e que xustificasen a súa elección. Animados pola Paula, incluso se atreveron a modificar parcialmente as narracións (engadindo ou eliminando personaxes, modificando o final ou engadindo novos elementos terroríficos).


Para concluír o día, Paula Carballeira, recoñecida tamén pola súa solida traxectoria como actriz, de teatro, fixo unha lectura dramatizada dunha das historias do seu libro. Esta representación teatral creou un ambiente de suspense moi especial que provocou que os nosos rapaces e as nosas rapazas gozasen intensamente de sorpresas e sobresaltos imprevistos. 

A marabillosa Paula mostrounos que a literatura de terror mesmo pode dar risa....





Comentarios

Entradas populares de este blog

MAIO, MES CON G: ROTEIRO CASTELAO CO IES DE CATABOIS

MAIO, MES CON G: EXPOSICIÓN SOBRE CASTELAO