MAIO, MES CON G: ANALIZAMOS A OBRA DE BEGOÑA CAAMAÑO
Con intención de reivindicar a obra de Begoña Caamaño, a autora das Letras Galegas no ano 2026, a nosa compañeira Raquel, colaboradora no equipo da biblitoteca, reuniu a un grupo de alumnas de 4 de ESO e 1º de Bacharelato para analizar de xeito conxunto a novela da autora de Vigo Morgana en Esmelle.
Nesta novela, Begoña Caamaño emprega o mito artúrico para apuxar aos seus lectores a reflexionar sobre a culpa, a sororidade e o peso do patriarcado na vida das mulleres. O argumento parece simple: Morgana chega a Esmelle na procura de respostas sobre a súa inmensa infelicidade. A través das súas lembranzas, conseguimos tecer as verdadeiras causas da caída de Camelot.
Os participantes na xuntanza destacaron que, a pesar desa aparente simplicidade, a novela resultaba un tanto complicada debido ao seu léxico variado e riquísimo e, sobre todo, á mestura de voces narrativas, que aportan múltiples perspectivas, pero que por momentos dificultan a comprensión do texto.
No relativo ao tema, coa sabia axuda de Raquel, o alumnado puido reflexionar sobre diferentes cuestións: Como inflúe o patriarcado na existencia das mulleres? Resulta lícito esquecer as consecuencias dos nosos actos? Pode a culpa acompañarnos toda a vida?
Foi moi interesante escoitar as conclusións dos nosos alumnos sobre a deconstrución do mito artúrico e sobre a nova visión que aporta Begoña Caamaño ao dar voz aos vencidos e esquecidos.
En resumo, unha actividade moi ben aproveitada!!!


Comentarios
Publicar un comentario