Entradas

FALADOIRO: É PRECISO REGULAR A IA?

Imagen
      Coa excusa das novas preocupantes sobre o emprego do ChatGPT entre o alumnado, reunimos aos nosos rapaces e ás nosas rapazas para reflexionar sobre se existe a necesidade de regular a IA nos distintos ámbitos da nosa vida.     Esta iniciativa acadou unha boísima acollida entre os nosos alumnos e alumnas, que debateron sobre cuestións tan variadas coma as vantaxes e os perigos da irrupción da IA (automatización de traballos tediosos para os seres humanos-desprazamentos laborais, mellora da precisión, axilización na toma de decisións-ausencia de criterios morais na toma de decisións, riscos para a seguridade, dependencia do emprego desta tecnoloxía...).     De forma paralela, tamén analizaron se o emprego xeralizado deste tipo de tecnoloxía require dunha normativa de uso máis concreta e restrictiva e, sobre todo, se a aplicación dunha lexislación deste tipo sería sinxela e/ou útil.  

EXPOSICIÓNS LECTORAS: LA VUELTA AL MUNDO EN 80 DÍAS

Imagen
   Con intención de animar á lectura a todos os nosos rapaces e a todas as nosas rapazas, expuxemos os traballos que elaborou o noso alumnado de 2º de ESO a partir da lectura de La vuelta al mundo en 80 días , de Julio Verne.   Os mapas con información sobre o percorrido de Phileas Fogg e o seu fiel compañeiro Passepartout encheron os corredores do noso IES e espertaron un notable interese na nosa comunidade educativa.      

25N: DRAMATIZACIÓN DO POEMA "O MURO"

Imagen
 Como colofón das actividades dirixidas a celebrar o 25N, o noso alumnado de Voluntariado de Biblioteca e máis o alumnado de Correspondentes Xuvenís encargouse de facer unha lectura dramatizada do poema "O muro" de Carlos Negro. Esta lectura foi acompañada dunha presentación gráfica da composición poética no muro de vida que dá entrada á nosa biblioteca.  Mediante a súa presentación os nosos rapaces e rapaces buscaron facer reflexionar aos seus compañeiros e ás súas compañeiras sobre os estereotipos de xénero que aínda existen na nosa sociedade e que, coma un muro, é preciso derrubar definitivamente.  VÍDEO: DRAMATIZACIÓN DE "O MURO"

FALADOIRO: 25N CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Imagen
  Para continuar a nosa actividade reivindicativa, organizamos un faladoiro coa intención de reflexionar sobre o que pensan os adolescentes ante un tema tan de actualidade en moitos lugares do mundo.  Para a nosa sorpresa, aínda que todos e todas os participantes na actividade recoñeceron que a violencia contra a muller é un tema que consideran preocupante, moitos e moitas fixéronnos chegar que cada vez máis xente da súa idade considera que as medidas que se están a tomar son totalmente ineficaces e mesmo esaxeradas en moitos casos.   Parece preocupante observar como algúns rapaces (e tamén algunhas rapazas) defenden con intensidade o suposto relegamento dos homes nunha sociedade cada vez más feminizada que busca (supostamente) privilexiar as mulleres fronte aos homes en todas as facetas da vida (emprego, situación xurídica, dereitos...).    

25N: LEMBRANDO AS VÍTIMAS

Imagen
  O 25 de novembro celebramos o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller coa intención sensibilizar ao noso alumnado ante a violencia que moitas mulleres padecen en diferentes lugares do mundo e, sobre todo, para reivindicar unha maior igualdade entre homes e mulleres en todas as facetas da súa existencia. Durante todo o día desenvolvemos diferentes actividades en que participou toda a comunidade educativa. En primeiro lugar, os nosos alumnos e alumnas investigaron sobre o número de mulleres asesinadas en España durante o ano 2023. Cos seus nomes construímos un muro da vergoña que posteriormente derrubamos nun acto reivindicativo.  

SEMANA DA CIENCIA NA BIBLIO

Imagen
 Con intención de celebrar na Biblioteca o mes da ciencia en galego, Rocío Piñón e Julia Ríos, profesoras do ámbito científico e membros do noso equipo da biblioteca, organizaron durante varios recreos unhas xornadas destinadas a que o noso alumnado puidese participar na experiencia de empregar uns lentes de realidade virtual.   Foi unha iniciativa que acadou un grande éxito entre o noso alumnado, que desfrutou da posibilidade de viaxar a Marte, navegar pola Vía Láctea ou visitar o interior dunha célula, sempre de xeito virtual.